Dolores Rodríguez López naceu en 1945 en Anllo (Sober), na casa dos seus avós maternos, onde vive actualmente. Os seus pais, José Rodríguez e Benita López, emigraron a Venezuela en 1955, deixando a Dolores, con 10 anos, estudando en Vigo ao coidado de Sara e Antolín, uns amigos íntimos.
José, o seu pai, trasladábase a Pontevedra durante o inverno para facer augardente, e no verán ía como temporeiro á seitura a Castela. O resto do ano, o matrimonio vivía do contrabando, ao igual que o resto dos seus veciños en Sober. A vida que levaban era sacrificada e dura, e á aldea chegaban os ecos dunha vida mellor, de progreso e avances en Venezuela. Con 30 e 28 anos, unha idade tardía en comparación con outros emigrantes coetáneos seus, José e Benita decidiron marchar a Caracas, animados polos seus amigos Sara e Antolín.
Na capital venezolana, o pai de Dolores tiña uns primos cunha pensión onde o matrimonio se puido aloxar nada máis chegar. Mentres non encontraban traballo, José, cun diñeiro que lle deixou o seu primo, mercou unha cesta e ovos que vendía polas zonas residenciais de Caracas para poderen subsistir.
A nai de Dolores, Benita, encontrou traballo pasando o ferro nunha casa, e aos dous días a señora da casa ofreceulle coidar os seus fillos. Este emprego obrigouna a ter que os acompañar a pasar unhas vacacións na costa, tendo que se separar do seu home. Neste tempo, tamén José encontrou traballo como albanel na construción do teleférico que unía a montaña de Ávila con Caracas, polo que a parella só se podía ver cada quince días. Foi entón cando Benita, embargada pola tristeza que sentía pola ausencia da súa filla, comezou a adelgazar de maneira alarmante, e José decidiu deixar o traballo para coidar a súa muller. Benita tamén deixou a casa onde traballaba e, a través dun coñecido, chegoulle a noticia de que nunha pensión rexentada por galegos da Coruña buscaban unha empregada. Ao cambiar de traballo e vivir de novo co seu home, a nai de Dolores foise recuperando.
Tempo despois, José empezou a traballar nunha empresa de donos vascos onde vendían persianas, tendais para a roupa... Cando os seus xefes regresaron definitivamente a España, José mercoulles o negocio, converténdose da noite á mañá en empresario. Nese tempo, os donos da pensión onde traballaba Benita tamén botaron o peche para volver á Coruña, e Benita empregouse ao servizo da familia dun almirante das Forzas Armadas que tiña tres fillos.
A principios de 1960, os pais de Dolores regresaron a Galicia. A súa idea era recoller a súa filla e levala con eles, mais, cando foron ao consulado para arranxar os papeis, souberon que, ao non ter a nacionalidade venezolana, non a podían levar. Así que tiveron que marchar de novo sen a súa filla, e reclamala ao chegaren a Venezuela. O 24 de maio de 1960 Dolores viaxaba no barco francés Antilles rumbo a Caracas, acompañada por unha señora que coñecera a través da axencia de viaxes.
Unha vez en Caracas, Dolores seguiu ampliando a súa formación académica. Como en Vigo xa estudara ata 3º de bacharelato, en Caracas continuou formándose en secretariado comercial durante ano e medio. Despois, conseguiu o seu primeiro emprego na mellor xoiería de Caracas. Alí traballaba nas oficinas, e cando tiñan moito público na tenda axudaba a atender a clientela.
A través dunha amiga modelo, Dolores coñeceu un arquitecto técnico asturiano que lle ofreceu un emprego no Banco Unión. Comezou a traballar nunha sucursal do barrio Conde, onde vivían moitos galegos, mais tiña moi mala combinación de transporte público para trasladarse á súa casa. Porén, tivo a inmensa sorte de que a secretaria do Banco Unión de Candelaria (outro barrio de Caracas) a chamou para facer un intercambio de postos coa aprobación dos xefes. Deste modo, conseguiu ter un bo traballo a dez minutos andando da súa casa.
Dolores traballou nesa oficina ata 1965, ano en que pediu a liquidación para vir a Galicia de vacacións. En abril de 1966 regresou de novo a Caracas, e ao saber da súa volta, o departamento de persoal do banco ofreceulle de novo o seu posto de traballo, aceptando incluso as condicións que pedía (200 bolívares máis de soldo). Dolores viviu en Venezuela un tempo máis, ata que en 1970 decidiu que non quería seguir alí. Con 25 anos e coa axuda do seu pai, acordou regresar a España ás agachadas da súa nai, xa que sabía que non lle ía permitir teren que se separar de novo. En canto a súa nai soubo que volvía, veu ela tamén para Galicia.
Vinte e cinco anos despois, en 1995, Dolores regresou a Venezuela de vacacións durante un mes, e alí viaxou moitas veces despois, sempre que puido. No ano 2001 aceptou un traballo que lle permitía vivir cinco meses ao ano en Venezuela e sete meses en España, renunciando ao seu posto na Deputación de Ourense. Durante un ano estivo alí, mais, a raíz da mala situación de Venezuela, deixou ese traballo para volver a Galicia.
Actualmente, Dolores soña con regresar ao país que foi tan importante na súa vida, e o que considera a súa segunda patria.

Os pais de Dolores en Venezuela