No 1963 Ana traballaba cosendo pantalóns en Monforte, pagábanlle daquela cincuenta pesetas por unidade e só daba feito un ao día. Foi grazas a un familiar que vivía en Suíza que puido mellorar a súa situación económica, xa que lle enviou un contrato dun ano para traballar nun hotel. O seu traballo consistía en coidar das fillas dos donos ao tempo que mantiña limpas as habitacións onde vivía a familia. Cando chegaba a hora de deitar as nenas debía facer a bogada da roupa branca do hotel, o que incluía lavar e pasarlle o ferro a sabas, manteis, panos de mesa…
Aprendeu o idioma do mellor modo posible, xogando. Parte do tempo que pasaba coas cativas dedicábao a brincar con elas a ser profesoras, a maior das irmás, que tiña catro anos, facía de mestra de Ana e da irmá pequena. A dinámica esixía que repetisen unha e outra vez series de palabras ata que as dúas pronunciaban de modo correcto.
Gañaba 150 francos ao mes ao tempo que comía e durmía no hotel.
Unha vez rematou aquel primeiro ano de contrato procurou un soldo maior nunha fábrica de reloxería. Alí durmía de alugueiro nun cuarto da fábrica, e descontábanllo do soldo. Pagábase en períodos de 15 días e compartía as instalacións da fábrica con rapazas doutros países, todas emigrantes.
No ano 1965 casou co curmán que lle enviara o seu primeiro contrato de traballo no país alpino e co que tamén compartía traballo na mesma fábrica. Ese mesmo ano tiveron o seu primeiro fillo. Na vila onde vivían non había garderías, polo que o pequeno Eloy tivo que residir en España desde os nove meses ata os cinco anos, cos pais de Ana. O feito de o fillo vivir en España motivou que daquela as visitas do matrimonio fosen frecuentes, mais cando o cativo xa contaba cinco anos, idade en que podían escolarizalo, levárono con eles ata aquela mesma vila que os recibira e onde mantiveron o mesmo traballo ata o ano 72. Foi nese momento en que decidiron cambiar de vila e írense a unha que contase cun colexio español para o rapaz.
O tempo libre en Suíza transcorría na compaña de familiares e amigos, xa que o home de Ana tiña en Suíza os seus irmáns e moitos familiares. As fins de semana pasábanas no lago ou na neve xunto aos seus ou con amigos suízos. Nesta fase as súas visitas a España espazáronse máis no tempo polo que o habitual era que só visitasen a casa familiar na época de verán. Así foi ata o ano 1977, en que decidiron regresar de modo permanente. En primeiro lugar para que o seu fillo non perdese as súas raíces, xa que sabían que se continuaban alí o cativo non querería regresar a España máis adiante e, sobre todo, polos pais de Ana, que vivían sos sen ninguén que coidase deles.
A volta non foi doada, en certo modo, como di Ana «pesoulles o regreso», sentíronse estranxeiros na súa propia terra, máis que no momento en que emigraron a Suíza. Alí había traballo e unha burocracia sinxela que facilitaba o acceso ao mercado laboral e a todos os servizos, mentres que aquí atoparon moitas dificultades, desde arranxar os papeis para traballar ata a escolarización do neno. En Suíza, cun idioma diferente, nunca lles custara atopar emprego, mentres que aquí sentíronse desorientados en moitas ocasións.

Ana en Suiza no ano 1963