Sara casou e marchou co seu marido a Berna (Suíza), el xa levaba alí tres anos, marchara cuns amigos na procura dun traballo mellor que o do agro. Ao seu home non lle chistaba que ela traballase, mais Sara non se afacía a esa situación e comezou a procurar un novo xeito de vida. Antes de marchar non tivera oportunidade de ir moito á escola e dedicábase a coser polas casas, levaba a máquina de coser á cabeza e todo o que gañaba dáballo á nai. Conta que daquela nin sequera sabía cociñar, polo que a chegada a Berna abriulle moitas portas. A súa vida laboral no país helvético foi moi intensa e pasou por diferentes empresas: unha fábrica de reloxos, unha de papel e unha téxtil onde manufacturaba escafandros.
Daquela época conserva o que para ela foron dous grandes logros significativos, aprendeu a cociñar e conseguiu aprender o idioma, o que era un verdadeiro reto que acadou en parte grazas á axuda da filla pequena da patroa para a que traballaba.
Ao quedar embarazada, ela e o seu home deberon compaxinar os horarios para poder atender a nena que veu. Co nacemento decidiron mercar un coche grande para poder vir de vacacións á aldea. Era unha viaxe longa que duraba dous días e medio.
Cando a filla tiña tres anos e medio enfermou e o clima de Berna non lle sentaba ben. Tiveron que tomar a decisión de mandala para Galicia mentres eles quedaban a traballar en Suíza. Aguantaron arredor de seis meses, mais non eran quen de estar sen a súa cativa, deixárono todo, venderon o coche e tomaron rumbo de volta a Pontedeume.
No tempo da emigración fixeron grandes amizades, había moita xente española e xuntábanse os domingos para tomar algo. Aínda que os inicios no estranxeiro foron moi duros, integráronse rapidamente e gardan un bo recordo, aquela experiencia deulles novas oportunidades. Se puidese volver atrás no tempo non dubidaría en volver marchar.
Hai pouco tempo, Sara regresou a Berna, nesta ocasión polo puro pracer de viaxar. Nada máis chegar sentíase novamente coma na casa, coma se nunca marchara daquela cidade.