Marisa naceu en 1936 nunha aldea de Tenorio, Cotobade (Pontevedra). O seu pai, sen posibilidades laborais, emigrou a Caracas (Venezuela) cando ela tiña 14 anos. Naquel momento as viaxes en barco partían desde Barcelona, e posteriormente desde Vigo, facendo escalas en Tenerife ou Cádiz. O traxecto duraba 15 días e era moi duro; había xente que ía mareada durante toda a viaxe.
A primeira vez que Marisa foi a Venezuela fíxoo nun camarote común que compartía co resto de pasaxeiros; en viaxes posteriores, as condicións dos barcos xa melloraran e había camarotes para catro persoas.


En 1952, despois dun ano en Caracas traballando en diversos oficios, o pai de Marisa volveu para buscar a súa muller e fillas. Unha vez instalada a familia na capital venezolana, a súa nai encontrou traballo como costureira, e Marisa nunha fábrica checoslovaca de roupa onde tiña que dobrar, cortar... A xornada laboral era continua e había bo compañeirismo. A súa irmá, que era máis pequena, ía ao colexio.
Daquela o desenvolvemento industrial de Venezuela era moi superior ao de España, e Caracas era unha cidade moi moderna. Ao principio, vivían os catro na habitación dunha pensión. Tratábase dunha casa colonial onde a cociña era compartida con outras corenta persoas. Alí relacionábase con venezolanos, e fixeron moi bos amigos.


Tempo máis tarde, os seus pais emprenderon un negocio, unha pensión chamada Islas Canarias, que anos despois traspasarían para volveren a Galicia, onde puideron mercar unha casa e unha finca. Nesta etapa en Galicia, Marisa estudou corte e confección. Anos despois, a familia decidiu regresar a Caracas e ela volveu traballar na mesma fábrica, onde foi ascendendo ata ser a responsable do traballo de cincuenta persoas.
En 1960, Marisa casou en Caracas cun español. Nese tempo, seu pai sufriu un infarto e precisaba coidados, polo que a súa familia regresou de volta a Galicia. Ela quedou en Caracas, tivo un fillo, e dedicouse a coser no seu piso alugado. Durante os primeiros meses a súa irmá axudáballe cos coidados do bebé, mais despois tróuxoo para España para eles poderen seguir traballando.


Cando o seu pai faleceu, Marisa e o seu marido regresaron para estar co fillo e porque botaban de menos a familia e a súa terra. Aquí tivo outros dous fillos e dedicouse ao seu coidado ata 1972, cando volveu coser. Asociouse con outra señora, e xuntas confeccionaron todo tipo de roupa, dedicándose nos últimos anos aos traxes de noiva.