Vou contarvos a vida dos meus avós maternos, Antonio e Fina, en Alemaña. Eles, coma moitos máis emigrantes galegos, non o tiveron fácil para ir a outros países, non é coma agora, que nuns segundos miras no tradutor do móbil e xa sabes un idioma. Pero neses tempos era moi difícil, aos nosos avós custáballes moito máis comunicarse e aprender a lingua. Os meus avós emigraron por motivos económicos, como a maioría dos emigrantes, non pertencían a unha familia con moitos cartos, máis ben con economía de subsistencia. Agora si, vou contarvos a súa historia e espero que vos pareza interesante.

O meu avó materno, José Antonio Vázquez Prado, nacido o 21 de marzo do 1939 en San Paio (Ferreira, Guntín de Pallares, Lugo) vivía en Martín, Entrambasaugas, Guntín de Pallares cos seus catro irmáns e os seus pais. Pertencía a unha familia agrícola con economía de subsistencia. Decidiu emigrar para mellorar a situación da súa familia. O 12 de marzo do 1964, con 24 anos, tomou rumbo cara a Kassel, Alemaña. Foi en coche de liña ata Lugo, logo colleu un autobús da empresa de transportes Alsa e, por último, foi en tren ata Kassel.
Antonio foi albanel nunha empresa chamada Fr. Richter K. G. durante 12 anos. Ao comezo residiu nuns pisos da empresa. Logo cambiou de traballo e foi vivir coa miña avoa nunha casiña da cidade.
A miña avoa materna, Josefa Cancela Cancela, naceu o 25 de xaneiro do 1947 en Campañó, Pontevedra. Vivía cos seus 5 irmáns e a súa nai viúva. Era unha familia mariscadora cunha vaca que non daba leite para todos e con economía de subsistencia. Ela decidiu marchar a Alemaña para coidar o fillo da súa irmá que emigrara antes e para axudar á súa nai mandándolle algúns cartos. Así pois, o 5 de outubro do 1965, con tan só 17 anos, colleu a súa maleta de cartón e unha boneca que lle tocara na festa da Peregrina, en Pontevedra, e marchou no Ferrobús ata Vigo. Alí colleu un tren ata Irún, despois colleu outro tren ata París e alí outro ata Kassel. Traballou na limpeza do hospital Stadtkrankenhaus Kassel. Vivía na casa da súa irmá, Dolores. Un día, na casa duns amigos, coñeceu ao meu avó Antonio, no 1966. Dous anos máis tarde, o 15 de marzo do 1969 casaron en Kassel, nunha voda íntima, só cuns amigos presentes.
O 28 de xullo do 1969 naceu a miña nai, María José Vázquez Cancela, e máis tarde, o 14 de agosto do 1970 naceu a miña tía, Lucía Vázquez Cancela. Cando a miña nai tiña 2 anos e a miña tía 1, decidiron volver a Galicia e deixar as súas fillas onda os seus avós paternos, en Emtrambasaugas. Seguiron 10 anos máis en Alemaña vindo visitar as súas fillas no verán e ás veces en Nadal. A miña avoa, Fina, di que se arrepinte desta decisión, que foi moi dura a separación das súas fillas.
Finalmente, no 1981 asentáronse en Guntín de Pallares, Lugo, volvendo a Alemaña só de visita, xa que tiñan moitos irmáns casados en Alemaña.
A emigración influíulles na valoración das cousas que temos e decatáronse de que, cando estás só nun país que non coñeces, arrepínteste do que non valoraches e disfrutaches coa túa familia. Á volta sentíronse estranxeiros no seu propio país xa que España funciona de xeito distinto a Alemaña e, actualmente, arrepíntense de volver porque en Alemaña podían ofrecerlles unha vida mellor ás súas familias.

Antonio coa súa familia en Entrambasaugas
Antonio coa súa filla
Antonio e Fina, cuns amigos en Kassel
Cuns amigos, despois do nacemento da primeira filla
Fina e Antonio coa súa filla maior
Fina e Antonio, o día da súa voda en Kassel
Fina, antes de emigrar, coa boneca que a acompañou a Alemaña
Fina cunha das súas fillas en Kassel
Fina diante do hospital no que traballaba, en Kassel, Alemaña
Fina e a súa irmá, na súa vivenda en Kassel
Os pais de Antonio, diante da casa familiar que estaban a construír cando Antonio e Fina estaban en Alemaña