Na miña familia houbo varios casos de emigración. Uns de ida e volta pero en cambio, outros, só de ida . Neste traballo falarei sobre dous casos que ocorren a membros da miña familia.
Unha desas persoas é o meu bisavó , chamado José Rivas Iglesias, pai de oito fillos, dos cales seis son homes e dúas son mulleres . José naceu nunha aldea preto de Lugo, a un quilómetro de Nadela. Naceu no ano 1888 e morreu no 1947 dunha enfermidade moi común naquela época, chamada tuberculose . José viaxou a Cuba aos vinte seis anos. Marchou cara aló nun barco e tardou case un mes en chegar . Marchou a Cuba en busca de traballo xa que aquí , en Galicia, non tiña posibilidades de gañar a vida para manter a súa familia, pois daquela xa estaba casado e nacera o seu primeiro fillo.
Cando chegou a Cuba pasou moito tempo en busca dalgún traballo axeitado, custoulle bastante atopar un emprego. Finalmente conseguiu traballo nunha fábrica na que se transformaban as canas de azucre en azucre, embolsábase e exportábase a toda América. Despois de moito tempo e moito traballo conseguiu ter uns aforros que gardaba nun banco cubano. Desgraciadamente o banco quebrou e o meu bisavó perdeu todos os cartos que tiña alí aforrados . Desde Cuba marchou a Nova York, onde permaneceu por un período breve de tempo. Tivo que volver a Galicia, sen nada do que conseguira aforrar .
Anos despois de chegar aquí, morreu a súa muller (miña bisavoa), o cal foi moi tráxico para a familia pois José tivo que facerse cargo, el só, dos seus oito fillos. Desde a súa volta traballou como labrador, instalándose na casa de Pena, a súa casa familiar, e conseguiu sacar adiante a súa numerosa familia.
Como vedes, é unha historia triste. José, o meu bisavó, foi un emigrante que fixo moitos esforzos por sacar adiante a súa familia, marchou a Cuba, traballou moito pero perdeu todos os seus aforros e tivo que volver e empezar de novo aquí.

Carné que o acredita como membro do Centro Galego da Habana
José coa súa muller, Balbina, e catro dos seus fillos
Postal que mandou José á súa familia, coa imaxe do barco no que viaxou a Cuba