O meu avó, Manuel Sánchez Castro, naceu o 7 de outubro de 1937 en San Pedro de Santa Comba, Lugo.
Emigrou a Francia, a París, aos 25 anos de idade, por problemas económicos. Non lograba atopar traballo aquí así que decidiu marchar. Meu avó xa tiña amigos alí, por iso escolleu ir a París, así podían axudarlle ao comezo para desenvolverse mellor nesa cidade. O medio de transporte que utilizou para marchar foi o tren.
Unha vez alí, atopou traballo nunha fábrica facendo radiadores para avións e para barcos e uns anos máis tarde atopou outro traballo nunha fábrica de coches. Pensaba quedar en Francia só por un período curto de tempo, para aforrar algúns cartos, porque, aínda que estaba solteiro naquel entón, xa tiña planeado casar coa miña avoa. Por esa mesma razón retornou para Galicia no ano 1965.
Segundo o que el me contou, a súa experiencia como emigrante influíu de maneira moi positiva na súa vida xa que coñeceu un novo país, aprendeu un outro idioma e unha vez de volta en Galicia, tiña máis posibilidades de traballo. Ao vir para Galicia de novo, déronlle unha indemnización coa cal construíu a súa propia casa para formar unha familia. O resto da súa vida pasouno traballado nunha empresa de leite, ata que se xubilou.

Manuel na súa época de emigrante en París
Coa súa muller, a miña avoa
Nóminas de Manuel durante a súa vida en París