A miña avoa, Pilar, é a primeira filla dunha familia de 5 fillos. Naceu na cidade de Alicante o 17 de xaneiro de 1944 no seo dunha familia máis ou menos acomodada. O seu pai tiña un traballo estable e digno, era editor nunha coñecida editorial. Ela, como a maior dos seus irmáns e como muller, non podía ter o privilexio de ir á escola, en cambio, pasaba os días axudando na casa, aprendendo a cociñar e a mallar desde pequena.
Con 17 anos o seu pai emigrou a un país descoñecido para ela, un suposto paraíso no que lles prometeran un cambio con respecto á España daqueles anos. Ao seu pai ofrecéronlle un traballo en 1961 en Caracas, Venezuela. Despois dun ano, a miña avoa e o resto da súa familia conseguiron os billetes para ir a Venezuela definitivamente. Marcharon en 1962, nun barco que non cabía unha persoa máis, estaba abarrotado. A miña avoa di que eses 13 días de viaxe foron bastante difíciles para ela, pero aínda así estaba emocionada de chegar ao seu novo fogar durante os próximos 40 anos.
Cando chegou quedou bastante sorprendida das liberdades que podía ter unha muller, por exemplo, estaba afeita a estar completamente tapada, pero ao chegar a Venezuela entendeu que as mulleres non lle tiñan medo a nada e tiñan a mesma liberdade que os homes.
Ela non se relacionaba cos propios venezolanos, vivía nunha comunidade chea de inmigrantes de toda España, na que se sentía máis cómoda, xa que case nunca marchaba de alí.
Mentres vivía cos seus pais, tivo que aportar un beneficio para axudar economicamente a manter a casa. Comezou a traballar nunha fábrica téxtil onde tecía na casa e cada certo tempo levaba a roupa á fábrica. A miña avoa gañaba máis que o seu pai con ese traballo.
Despois, unha vez casada, montou o negocio dos seus soños, unha galería de arte onde pintaba cadros. Tivo bastante éxito, tendo un importante recoñecemento na vila.
No ano 2000 comezou o declive de Venezuela con Hugo Chávez na presidencia, a delincuencia medrou exponencialmente nos últimos anos ao igual que a inflación, para a miña avoa xa era insostible vivir no país que tanto lle dera ata entón.
Cos seus fillos xa noutro país, a miña avoa decidiu volver ao seu país natal, xa que casou cun galego, el mantivo a residencia na súa cidade natal, a Illa de Arosa. Reside alí desde entón.
A miña avoa ten moi bos recordos da emigración, porque ao principio foi bastante difícil, como é normal, pero Venezuela recibiuna cos brazos abertos. Considera Venezuela, a súa verdadeira residencia, o lugar onde se namorou, o lugar onde criou aos seus fillos, o lugar onde foi feliz.