Elena non garda bos recordos da emigración. Ela non emigrou en primeira persoa, pero tivo que vivir a marcha dos seus pais. Esta situación foi unha carga importante para moitas familias que daquela vivían o adeus. Avós ou tíos que quedaban ao cargo dos nenos, os propios meniños que se decataban da falta da nai e do pai, tiveron que vivir unha situación moi difícil, que moitos deles aínda arrastran hoxe.
O caso de Elena deuse cando tiña doce anos e o seu pai decidiu emigrar a Venezuela. Non volveu saber máis nada del durante corenta e catro anos, nada menos. Tan só recibían os cartos que con sacrificio lles podía mandar. Pola súa banda, súa nai, unha muller afouta que tamén pretendía mellorar a situación da familia, anos despois emprendía viaxe cara a Inglaterra, a Londres. E desde alí enviaba tamén cartos para a casa, onde quedara a avoa ao coidado dela e mais das súas irmás. Coa súa nai só conseguía falar por carta, así que en xeral tampouco con ela mantiña moito vínculo.
Anos despois conseguiron volver, primeiro a súa nai e despois o seu pai. Para Elena a familia sempre se debería manter unida, e eles, coma tantos outros, perdéronse iso pola mellora da economía no fogar.

 

Cando foi buscar súa nai ao aeroporto
Pai de Elena e de Isabel, que emigrou a Venezuela en 1953
Na súa pedida de man, coa foto da súa irmá Isabel e do seu cuñado Tito que estaban en Londres
Primeira visita á súa irmá e á súa nai en Londres
Foto da súa nai Virtudes, que emigrou a Londres en 1962
Visita á súa nai e á súa irmá