A difícil situación económica de España, a remates da década dos cincuenta, leva o meu pai a embarcarse cara a Venezuela no ano 1957.
Con preto de dous anos, eu viaxei coa miña nai para reencontrarnos con el, pero as altas temperaturas da cidade de Maracaibo enfermábanme; por iso, aos seis anos regresamos miña nai e mais eu a España, e meu pai seguiu en Venezuela.
Vivín en Negreira uns anos moi felices e aos doce, en 1970, regresamos a Venezuela -nesta ocasión a Caracas-, onde tivemos coñecemento de que meu pai tiña outra familia.
As dúas soas iniciamos unha nova vida cunha inmensa morriña e forte sensación de baleiro.
Co traballo de costura de miña nai, durante moitas horas ao día e algúns sacrificios, seguimos adiante, co propósito de regresar; por iso, eu continuei estudos nun colexio español, pero non sucedeu así, entón realicei equivalencias para facer o bacharelato venezolano e seguir unha carreira na universidade.
Así o fixen, gradueime como licenciada en Matemáticas e despois cursei un mestrado en Pedagoxía.
Neste tempo, faleceron meus avós maternos e outros familiares próximos aquí, en España.
Traballei como docente na universidade, dei clases particulares e desde 1985 traballei nun colexio de secundaria como profesora, subdirectora e, posteriormente, directora.
Ao tempo contraín matrimonio; meu esposo era de Pontevedra, tivemos dous fillos e aos cuarenta anos quedei viúva.
Agradezo infinitamente a Venezuela por recibirme, permitirme estudar e traballar para sacar adiante os meus fillos, poder darlles preparación e ter unha boa calidade de vida.
En 2019, por circunstancias adversas, regresei a España despois de 50 anos, con gran parte da vida nunha maleta, fortes emocións polo que deixei atrás e novamente o profundo sentimento de morriña e esperanza do emigrante.