A miña experiencia de emigración é moi extensa, porque -aínda que nacín en Uruguai-, son neta, nai e esposa de emigrantes.

Meus avós paternos eran de orixe vasca, de Navarra. Meu avó Juan Basilio Meoqui emigrou a Uruguai no ano ano 1889; non teño seguridade de cal foi o motivo e o que penso é que puido ser por mor das guerras carlistas ou porque o patrimonio familiar, nesa época, era herdado polo fillo maior para non fraccionar as terras, e os demais irmáns pequenos, como é o caso de meu avó, non tiñan dereito a nada.

O meu avó vasco marchou á zona rural de Uruguai e chegou a ter un establecemento gandeiro importante, pero morreu novo, con 55 anos, deixando 13 fillos, o maior con 18 anos.

Meus avós maternos eran galegos, de Arteixo e Bens, A Coruña. Meu avó Alejandro Alfonso, único avó que coñecín e co que interactuei, faleceu cando eu tiña 12 anos. Emigrou a Montevideo alá polo ano 1911 para mellorar a súa calidade de vida. Contábame que aquí, en Galicia, coidaba ovellas, aínda que no seu pasaporte aparecía “de profesión xornaleiro”, e pasaba o día co único sustento dun “molete de pan con cebolas”, o único que comía ata a noite, cando, con sorte, tiña un caldo “fraco” para quentarse e ir durmir.

Meu avó galego emigró a Uruguai con 21 anos e, para entrar legalmente a Uruguai nesa época, un familiar ou coñecido debía reclamalo e tiña que se facer cargo del ata que lograse independizarse. Neste caso, foi un tío seu, quen lle conseguiu un traballo na estiba do porto, moi duro e esgotador. Cando chegaba a durmir, moi canso pola noite, seu tío aproveitaba e quitáballe gran parte do que gañaba. Grazas a paisanos galegos que coñeceu alí, conseguiu traballos na construción e, a partir de aí, comezou a saír adiante.

Estes acontecementos ocorreron a fins do século XIX e principios do XX, pero máis próximo e doloroso para min foi que, no ano 2003, nunha crise económica en Uruguai, meu fillo de 22 anos pasou ao paro e, con algúns aforros que tiña, decidiu probar sorte en Galicia, igual que fixeran os meus avós emigrando a Uruguai. Sei que non lle resultou nada doado; non tiña papeis, polo que aproveitaban para pagarlle moi pouco e así estivo durante dous anos. Máis tarde, cunha lei que se aprobou, pola que tendo dous anos de empadroamento e un contrato de traballo se lles outorgaba un permiso de residencia, puido optar a outro tipo de traballos máis cualificados e mellor pagados.

Aos poucos meses de estar aquí, a súa moza seguiuno. Aínda que ela era mestra e tiña dous traballos, deixouno todo por amor e decidiu seguilo; no seu caso, traballou na cociña de restaurantes e de camareira nun bar de hotel.

No 2009 naceu na Guarda, Pontevedra, meu neto Mateo.

Cando xurdiu a crise económica en España, no 2012, debido ás dificultades polas que estaban pasando, decidiron retornar a Uruguai, polo que lles axudei economicamente e estiveron vivindo comigo un ano mentres construían a súa casa.

O meu neto, con 4 anos, sufriu moitísimo, choraba e dicía que quería volver ao seu país, que ese non era o seu país, preguntando continuamente que cando se ían no avión. Pouco e pouco foise acostumando e hoxe apenas ten recordos dos seus primeiros catro anos na Guarda. Hoxe en día, tanto o meu fillo como a miña nora e neto están totalmente integrados.

O meu achegamento a Galicia foi pola decisión de meu fillo de vir aquí; coincidiu con ver na televisión o programa “España vale” que facía referencia a Galicia e na propaganda invitaban a aprender galego na Casa de Galicia e esa foi a primeira porta de entrada para min á colectividade galega.

Non só me interesou o idioma, senón tamén a súa historia, cultura, os seus costumes…, mesmo cheguei a estar na directiva do Padroado da Cultura Galega e a participar activamente en moitas das actividades que se organizaban.

Ao meu marido, nacido en Coirós, levárono con nove anos para Montevideo. O seu pai, Manuel, marchou primeiro en 1955 e, un ano despois, o fixo a súa esposa, Lola, e o seu fillo Vicente, meu marido.

Manuel marchou porque tiña grandes problemas de saúde e os traballos do campo á intemperie o estaban prexudicando. Afortunadamente, en Uruguai sempre tivo traballos de vendas en empresas ou en fábricas, o cal favoreceu que a súa saúde mellorase. Lola sempre traballou na cociña dun importante hospital.

O meu marido quería regresar á súa terra, pero eu en Uruguai tiña un bo traballo e non quería vir á aventura. Cando me xubilei en 2016, viñemos probar para ver se me adaptaba á vida de aquí, de Betanzos; non só me adaptei, senón que adoro vivir en Betanzos e desde o primeiro momento sentinme moi ben acollida, perfectamente integrada. Sempre tivemos a sorte de contar coa axuda inestimable e incondicional dun primo do meu marido e a súa familia.