José emigrou a Austria en 1967, con 13 anos cumpridos, para axudar economicamente os seus pais co obxectivo de poder mercar un piso no momento en que puidesen retornar a España.
Seu pai, marchara a Inglaterra en 1962 e permaneceu alí ata 1964; nese ano, o goberno austríaco, ante a escaseza de man de obra na construción, enviou contratos de traballo para xente que quixese ir alí traballar polo que, ante esta posibilidade de mellorar, decidiu deixar Inglaterra e marchar a Austria.
Tres anos máis tarde, en 1967, decidiu que fosen para alí, a súa muller e os seus dous fillos maiores -Lourdes de 15 anos e medio, e José, con 13 anos e medio- para traballaren e poderen achegar diñeiro á maltreita economía familiar; en Betanzos, quedaron outros tres fillos máis novos ao coidado dunha tía da nai.
Para José, esta marcha supuxo un trauma moi importante na súa vida e a día de hoxe aínda se emociona ao lembrar aquela etapa na que, de forma abrupta, tivo que abandonar o que ata ese momento fora a súa vida: os estudos, amigos que tiña desde a súa infancia, a súa contorna ...
O 15 de xuño de 1967, saíron en tren desde Betanzos con destino Irún-Hendaia-Xenebra-Zurich e finalmente, despois de dous días e dúas noites viaxando en tren, chegaron ao seu destino: Feldkirch (Austria). As imaxes gravadas na súa memoria son devastadoras: multitude de persoas, xente amoreada nas estacións cando tiñas que facer transbordo, sen servizos que aliviasen os tempos de espera, montóns de maletas polo chan…”Parecíamos coellos nunha granxa…. Foi moi triste”.
A primeira sensación que recorda ao baixar do tren foi o olor, non pode dicir se mellor ou peor, pero si diferente, nada que ver ao que estaba acostumado no seu Betanzos natal.
Cando chegaron á casa onde ían vivir, unha casa de alugamento, antiga e de madeira, inmediatamente, “pero XA”, se estivese nas súas mans, collería un billete para regresar á súa cidade de orixe.
Os primeiros seis meses en Austria, resultáronlle moi tristes, cunha gran sensación de desarraigamento, xa que se sentía só, sen amigos, sen coñecementos de alemán; o feito de que os seus pais non o inscribisen en ningún colexio para poder continuar os seus estudos acentuou ese sentimento de illamento, xa que -salvo pola noite que vía os seus pais e irmá- pasaba o día só, o seu entretemento era pasear pola mañá e pola tarde, sentarse no parque observando a xente que pasaba, aínda que non podía falar con ninguén porque descoñecía o idioma e, se algunha persoa se achegaba para iniciar unha conversa ou preguntarlle algo, a súa única resposta era “son español” o cal xa abortaba calquera posibilidade de relacionarse.
José recorda eses seis primeiros meses como “moi tristes e moi duros”, sentíase só, triste e illado, nun país cunha cultura moi diferente e superior á súa, un sistema de vida que non gardaba ningunha relación co que el vivira ata o momento e o nivel cultural da xente, tamén moito máis amplo que aquí.
Recorda que a pesar de chegar en pleno verán, o clima era máis frío que aquí e sobre todo sorprendeulle non ver ningunha festa, nin verbenas, nin celebracións de ningún tipo; tampouco había conversacións entre veciños, de porta a porta, de ventá a ventá, ou na rúa, nin ningunha demostración de proximidade ou de familiaridade... á que estaba acostumado en Betanzos.
Alí a xente vivía a súa vida de portas para dentro.
A partir do sétimo mes da súa chegada, de casualidade, un día que estaba agardando a que seu pai saíse de traballar, cadrou que a carón había un campo pequeno de fútbol no que estaban xogando dous equipos de mozos da súa idade e que lle serviu de entretemento para mirar como xogaban mentres tanto non chegaba seu pai.
É ese momento, o que José considera que marca o comezo da súa experiencia positiva en Austria.
Había dous equipos de mozos que estaban xogando ao fútbol, todos austríacos, e nun descanso do partido, un deles achegouse a el e por acenos preguntoulle se quería xogar e el, inmediatamente e sen pensalo, díxolle que si.
Despois de observalos durante longo anaco, pensou que estaba a bo nivel e que podería xogar sen quedar en evidencia. A súa calidade no xogo fixo que marcase unha chea de goles, e a pesar de que o seu equipo estaba en inferioridade numérica, gañaron o partido por goleada. Como el mismo di, iso supuxo un grande éxito porque “entrou pola porta grande” xa que uns días máis tarde, o pai dun dos nenos presentouno no club da cidade e fichárono para xogar no equipo de xuvenís e a partir de aí comezan as súas primeiras experiencias positivas, a facer amizades e aprender alemán co seus compañeiros de fútbol. A onde ían eles, ía José, á piscina, a eventos, bailes…..e tamén coñeceu ao primeiro amor da súa vida e que durou o tempo que tardaron os pais dela en decatarse cando, por prexuízos, a ameazaron con enviala a un internado se continuaba con esa relación. Anos máis tarde pedíronlle desculpas pola súa actitude.
Durante dous anos, dos 14 aos 16 anos, José estivo traballando clandestinamente porque en Austria, nese momento, a ensinanza era obrigatoria ata os 16 anos. Así que, por mediación duns amigos do seu pai, entrou a traballar, primeiro como axudante de cociña nun colexio seminarista onde facía todo tipo de tarefas na cociña, e despois dun ano, tamén de maneira ilegal, como axudante de carpintería.
En 1970, con 16 anos e co seu primeiro contrato laboral legal, entrou a traballar nunha empresa de formigón (aprendeu alí porque non tiña formación anterior); traballaba arreo, xa que se traballaba a maior ritmo, producía máis do establecido, e lle pagaban máis.
Supoñía traballar moitas horas diarias e con risco. As fins de semana, en lugar de descansar, aproveitaba para ir co seu pai a preparar xardíns. Recórdao como unha época de traballo duro.
Na súa continua loita por mellorar as súas condicións de vida e conseguir mellores traballos para gañar máis e tamén para aforrar máis co fin de dárllelo aos seus pais, decidiu sacar o carné de conducir e, con 18 anos recén cumpridos, xa podía conducir todo tipo de vehículos desde motos, coches, camións, tractores e maquinaria pesada de traballo.
Deixou o anterior traballo e comezou como condutor de camión de repartimento de comestibles e seis meses máis tarde, noutra empresa como condutor nunha empresa de construción, onde se dedicaba ao transporte internacional e percorría as rutas por Austria, Alemaña, Suíza, Hungría e Checoslovaquia, o que o obrigaba a estar toda a semana fóra da casa pero, a pesar diso, a considera a mellor empresa da súa vida e a mellor experiencia como camioneiro, porque estaba moi ben recoñecido no seu traballo e moi ben pagado. Nesta empresa, estivo ata o ano 1977, gañando moito dineiro.
En Austria, a partir dos 18 anos -maioría de idade-, todo fillo que vivía cos seus pais, tiña que achegar unha cota mensual ou unha porcentaxe do seu soldo, segundo acordasen cos seus pais, para axudar nos gastos de mantemento da casa; no caso de José, achegaba a totalidade do seu soldo salvo unha pequena porcentaxe para pequenos gastos, renunciando a moitas outras cousas como comprar unha moto ou un coche para desprazarse ao traballo, visitar a amizades ou saír de excursión.
Esta vida de esforzo e de renuncia, foi determinante para que el puidese lograr o obxectivo polo que emigraran a Austria, xa que puido comprar en Betanzos un piso para os seus pais. José recorda esta etapa da emigración, como unha experiencia moi bonita, anos de moito esforzo e traballo pero tamén moi felices, a pesar de que tamén tivo a oportunidade de descubrir e ver o lado escuro das diversións da xuventude, o que o levou a apartarse dalgúns dos seus compañeiros de traballo cos que saía e se relacionaba ata entón.
Despois dunha paréntese de catro anos en España, José, a través dun antigo compañeiro de Austria, decide marchar a Suíza cun claro e único propósito: gañar o suficiente diñeiro para construír unha casa para el.
En Suíza estivo sete anos; foi unha etapa de moito traballo. A súa experiencia anterior en Austria e o coñecemento do alemán, facilitáronlle moito as cousas porque puido conectar desde o primeiro momento cos xefes, encargados e compañeiros da empresa. Tamén a mentalidade e o sistema de vida, e os costumes eran moi similares a Austria, polo que desde o principio se adaptou e conectou con facilidade coa realidade deste país.
José conseguiu o seu propósito, pero a base de traballar moito, moitas horas e chegando a simultanear catro traballos á vez. A Suíza foi gañar diñeiro, coa mentalidade de traballar todo o posible e diversión cero. Nunca dixo non a ningún tipo de traballo e sempre estivo disposto. A pesar deste esforzo, considera esta etapa moi positiva e gratificante.