Os pais de Jesús, a pesar de gozar dunha folgada situación económica, emigraron a Alemaña quedando el e a súa irmá pequena en Betanzos baixo o coidado dos seus avós. No ano 1968, con 13 anos, asistía ao colexio, á clase de D. Constantino, depois de percorrer varios colexios da zona con resultado final en todos eles moi similar, xa que o cambio viña sempre precedido dunha chamada do director do colexio á súa avoa invitándoa a levar o seu neto para outro centro. O motivo non era outro que a Jesús non lle gustaba estudar e a maioría das veces faltaba ás clases. Como el mesmo di: “eu era un cafre, bo rapaz, iso si, pero cafre e algo traste, e non me gustaba estudar e quería traballar”. Ante esta situación, ao rematar o curso e comezar as vacacións escolares, os seus pais tomaron a decisión de que fose con eles a Suíza coa idea clara de “meterlle caña” e facelo reflexionar para que, ao experimentar a dureza do traballo, recapacitase e lle collese gusto ao estudo; o desexo dos seus pais tiña un prazo de cumprimento, xa que o seu obxectivo era que, ao rematar o verán, resultase tempo suficiente e desexase volver a Betanzos para empezar o curso escolar entusiasmado por estudar.
A piques de cumprir os 14 anos, xunto cos avós desprazáronse en taxi desde Betanzos ata Madrid, un luxo naquela época, que seus pais viron necesario afrontar porque querían evitar riscos innecesarios asegurándose de que Jesús non se desviase polo camiño e chegase ao seu destino. En Madrid embarcárono en avión con destino a Zurich. Alí, no aeroporto, estábano esperando os seus pais.
Ao día seguinte de chegar, ás 5 da madrugada, o pai chamouno para que se erguese e levalo a traballar. De xeito ilegal, porque non tiña a idade mínima establecida para facelo, empezou a traballar realizando múltiples tarefas que lle levaban practicamente todo o día: limpar á man as alfombras do hotel; dar cera de xeonllos, para pulir o chan das salas de xogo de birlos; limpar os zapatos que os clientes do hotel deixaban colocados na porta da habitación, tarefa que non era do seu agrado, pero si lle gustaba -e recorda cun sorriso- a propina espléndida que normalmente lle deixaban no interior dos zapatos; ir buscar a correspondencia ao apartado de correos; limpeza de xardín con cortacéspede; ao mediodía, axudante do pai na cociña, lavando potas e pinche dos catro cociñeiros que preparaban as comidas.
Pola tarde, ía á lavandería para axudar a súa nai a dobrar a roupa e utilizar o ferro de pasar de vapor; pola noite, aprendiz de cociña. Traballaba sen descanso desde as 5 da madrugada ás 8 da tarde.
O martes, único día libre que tiña á semana, dedicábao a axudar a súa nai na cociña e tamén facía alguna excursión cos seus pais. As únicas amizades que tiña eran o propio persoal do hotel, mozos algo maiores ca el, e os fillos do dono do hotel cos que nalgunha ocasión ía ao circo.
O hotel no que traballaba Jesús estaba situado en Brugg, no cantón de Argovia, zona de Suíza na que se fala alemán, e a el dábaselle fatal falalo e tampouco entendía nada. Un día, un suízo que traballaba alí ofreceulle ensinarlle alemán a cambio de que el lle ensinase a falar en español. Transcorridos tres meses, o seu compañeiro Kurt falaba español e Jesús non aprendeu alemán, pero si o italiano, con tal fluidez e acento que nalgunha ocasión creron que era orixinario de Italia.
Todo o diñeiro que gañaba dáballelo aos seus pais e eles compraban algún que outro capricho, aínda que el era bastante austero e non pedía demasiado, pero lembra sentirse un privilexiado por ter un tocadiscos con altofalante incorporado, un ben prezado e desexado por moitos que non se podían permitir. Outro gusto que tiña era unha vez á semana, de paso que ía buscar o correo, entrar na tenda de discos que lle quedaba de camiño e comprar un disco single á semana, alternando música española e música italiana.
Estivo traballando durante seis meses ata a que o dono do hotel se xubilou e pechou. Saíron de Suíza e viñeron a Betanzos onde permaneceron durante uns meses por cuestións médicas do seu pai, xa que daquela realizaban uns controis médicos tan exhaustivos que, se detectaban calquera anomalía, non lles permitían traballar alí.
O 19 de marzo de 1969, viaxan de novo, nesta ocasión con destino Alemaña, a Backnang, situado a 20 km de Sttugart.
Aos 15 anos empezou a traballar nunha fábrica textil, desde as 6 da madrugada ata as 2 do mediodía. Neste tempo, deuse conta de que, ademais de traballar, quería aprender e contou, como non, co apoio dos seus pais e coa alegría que lles supuxo recibir esta nova. Favoreceulle que os menores de 18 anos, un día á semana, tiñan que dedicalo a aprender un oficio pagado polo goberno alemán. O primeiro día de curso levou uns libros para aprender radio e televisión e dixéronlle que tiña que cambiarse de aula para ir a outra na que impartían esta formación e na que, para a súa sorpresa, todos eran alemáns. Afortunadamente, Jesús xa se desenvolvía co idioma e, aínda que non con demasiada fluidez, non tiña inconveniente para facerse entender co profesor e os seus compañeiros. Ademais, polas noites, ía a outra clase para aprender soldadura, oficio moi ben pagado. Os sábados organizaban festas con baile que servían para relacionarse e sentir o aprecio de todos os compañeiros.
Aínda que todo lles ía moi ben, Jesús non quería que os seus pais e a súa irmá permanecesendefinitivamente en Alemaña, xa que, se el quedaba, eles quedarían a pesar de que a súa idea inicial era estar en Alemaña temporalmente. Así que cando cumpriu os 18 anos, decidiu dar un xiro á súa vida e romper con todo para regresar para España, porque el non quería ficar alí para sempre, xa que vía que compañeiros que tiña alí casaban con alemás, italianas, portuguesas e, na maioría dos casos, fracasaba o matrimonio.
Cando llo comunicou ao seu xefe, este -coa intención de convencelo para que quedase alí- ofreceulle un ascenso importante e mellor paga, pero Jesús xa tomara a súa decisión: en 1972 regresou definitivamente a España ao seu Betanzos natal e, en 1975 tras un noviado curto, casou con Marisa, amor da súa vida e unha gran compañeira, coa que formou unha familia da que se senten moi orgullosos.
Hoxe conta, cun sorriso na cara, que o desexo dos seus pais de que estudase e fose “un home de proveito” se viu sobradamente cumprido, porque empeza a contar e case non lle chegan os dedos da man para enumerar os títulos académicos que foi recompilando ao longo da súa vida: técnico de radio e televisión, soldador, patrón de pesca, patrón portuario, mecánico de lancha, técnico en xardinería, formador de formadores…