Juan Filgueiras naceu en Mugardos en 1935, esa vila medieval que xorde ao amparo da Casa de Andrade e que se desenvolve mirando al mar. No seo dunha familia de pescadores, humilde e con escasos recursos, Juan marchaba cada mañá ao estaleiro de Bazán para gañar un soldo e practicar un oficio. O seu día a día pasábao nunha lancha, nos talleres do naval e en comedores que distaban moito da comodidade da súa casa. O salario non cubría sequera estes gastos, polo que Juan, inquieto, audaz e con ganas de aprender decidiu estudar bacharelato por libre, coa idea de se superar e avanzar.
Un día, a través dun amigo, presentóuselle a oportunidade de marchar a Suíza, un lugar avanzado no corazón de Europa, e en 1960 deu o salto á cidade de Xenebra. Inicialmente hospedado na casa do primo dun amigo, e cun mapa nunha man e un dicionario de francés na outra, percorreu a grande urbe á espera de encontrar un traballo que lle permitise gozar dunha vida digna. Ao pouco tempo conseguiu emprego nunha fábrica de reloxos especializada no deseño e a creación de esferas. Daquela, o seu coñecemento de francés era escaso, o que limitaba o desenvolvemento e bo desempeño das súas tarefas na fábrica, ata que un día, a través dun compañeiro andaluz, recibiu a noticia de que ía ser despedido por non atender as indicacións dos seus superiores.
Nese momento, decidiu non deixar pasar nin un día máis para aprender o idioma e salvar o seu posto. Despois de pasar longas horas nas sesións continuas dos cinemas para escoitar a fonética francesa e de practicar continuadamente a gramática, logrou o seu obxectivo. Foi entón cando aprendeu á perfección o oficio de galvanoplasta e cando as súas relacións laborais se viron reforzadas, contando co recoñecemento e amabilidade dos seus xefes, que decidiron, pouco a pouco, irlle aumentando o soldo. Pasados uns meses, a empresa de Juan comezou a dar perdas e decidiu cerrar; a dirección solicitoulle que pilotase o peche e posteriormente empregouno noutro lugar.
Integrado xa laboralmente en Suíza, Juan pasaba o seu pouco tempo libre no Centro Español de Xenebra, rodeado doutros emigrantes con quen creou fortes lazos de amizade. Porén, os contactos coa súa familia eran poucos e sempre por carta. Mais un bo día estableceu unha especial relación epistolar cunha moza da súa vila, comezando así un romántico noivado a distancia. Finalmente, en 1964, volveu a España para casar e regresou a Suíza cun contrato de traballo para a súa esposa, facilitado pola súa propia fábrica. A pesar de que ela estaba excelentemente valorada na súa empresa e o soldo era digno, non acababa de se integrar, botaba de menos a súa familia, a súa vila e o mar, motivo polo cal decidiron retornar a Galicia en 1968.
Unha vez instalado en Galicia, en 1971 Juan reintegrouse no estaleiro onde comezara un día a súa traxectoria profesional, mais por diversas circunstancias volveu a marchar a Inglaterra a traballar coa gran meta e ilusión de aprender outro idioma. Unha vez en Londres rematou empregado nun hotel onde a comunidade hispana era maioritaria, vendo así frustrado o seu intento de practicar inglés, polo que tres meses despois, regresou a Ferrol e reintegrouse novamente en Bazán e estabilizouse ata a súa xubilación no estaleiro ferrolá.
Hoxe, Juan Filgueiras continúa sendo esa persoa inqueda, audaz e con ganas de saber, e dedica unha gran parte do seu tempo a compartir a súa experiencia con outros mozos e mozas que tamén desexan aprender.