José foi o pequeno de oito irmáns. Os dous maiores e a irmá máis nova xa tomaran o camiño da emigración, indo a Venezuela.
José dediciu marchar, con tan só 17 anos, a Venezuela, onde estaban os seus irmáns. Emigrou porque tiña claro que lle gustaba o comercio e que para traballar diso tiña que saír fóra.
Sabía que o seu era o comercio porque de pequeno, cando ía a Becerreá, lle chamaba a atención a cantidade de comerciantes que visitaban a vila e que viñan vender os seus produtos. José quería traballar do mesmo.
Antes de emigrar, foi a Becerreá aprender carpintería, porque se dicía que ao ter un oficio era máis fácil atopar traballo na emigración; non se estudaba o oficio para ficar en Galicia. Ao final, as cousas saíron distintas e José non tivo nunca que traballar de carpinteiro.
Ao chegar a Caracas, comezou a traballar fregando pratos no restaurante La Cibele e aos 18 días xa ascendera a axudante de cociña. En Venezuela, nesas épocas, se traballabas ben, tiñas recompensa. Estivo un ano traballando en distintos negocios que tiña un italiano de Calabria, Miguel Sacco. Logo dese ano, formou con el un novo negocio “Mon y Sacco”, unha sociedade limitada que levaba hoteis e restaurantes en Valencia, a cidade industrial por excelencia de Venezuela.
A sociedade progresou durante uns anos, e nese tempo José puido visitar no seu tempo de ocio moitos países de América Latina: Arxentina, Brasil, Uruguai, Porto Rico, Costa Rica, etc. Tiña unha boa vida.
Todo cambiou cando o seu socio morreu de forma prematura e inesperada. Os herdeiros decidiron vender a súa parte a José, polo que a partir de aí el levaba todo o traballo. Logo de tres anos así, xa canso, decidiu vender a súa parte e volver por un tempo a España.
A idea era pasar tres meses en España e logo regresar a Venezuela e emprender un novo negocio, pero neses tres meses coñeceu a que sería a súa muller e casou con ela logo de seis meses de mozos. A súa muller estaba nese momento estudando en Lugo e finalmente decidiron ficar aquí.
Dende Venezuela a comunicación con Galicia era por medio de cartas, aínda que nos catorce anos que estivo alí puido volver de visita en varias ocasións. As relacións que fixo foron, sobre todo, con venezolanos e italianos, xa que o seu socio no negocio era italiano. Compartía cos venezolanos a afección aos touros e, cando viña a España, compraba carteis taurinos para vendelos a bo prezo alá.
O retorno permanente debeuse, sobre todo, a atopar aquí unha parella e decidir formar unha familia en Galicia. Tivo dous fillos con ela, montou un negocio (“Supermercados Miño”) no que traballou ata a xubilación, que acadou con moita ilusión.
A valoración da súa experiencia foi moi positiva, e recoñece que quizais o que máis lle custou foi o retorno logo de catorce anos construíndo a súa vida en Venezuela.