Fernando emigra a Alemaña á idade de 7 anos xunto cos seus irmáns xemelgos, Ovidio e Rogelio, de 6 anos, para a reunificación familiar. Así que a relación de Fernando coa emigración vén dada pola emigración dos seus pais.
En 1959 ábrense en España as listas para anotarse á emigración en Europa. Os pais de Fernando apúntanse, e en 1961 reciben a nova de que se poden ir a Alemaña, á cidade de Hannover. O pai, Manuel Fernández García, emigra cun contrato para o taller de fundición da Volkswagen, e a nai, María Losada Castro, vai á empresa Continental (dedicada á fabricación de pneumáticos). Estaban obrigados por contrato a permanecer neses postos de traballo durante 6 meses e despois podíanse cambiar, se non estaban contentos. Manuel estivo na mesma empresa todos os anos que viviu en Alemaña e María cambiou de empresa para traballar nun hospital de cociñeira.
Fernando e os seus irmáns quedan a vivir en Carud cos seus avós paternos que eran agricultores e, en 1964, grazas á reunificación familiar, viaxan a Alemaña para comezar unha nova vida xunto aos seus pais, por fin de novo todos xuntos.
Os nenos comezan en setembro de 1964 un novo curso escolar sen idea de alemán. Fernando recorda que na súa clase eran a maioría alemáns, algún italiano e el. Tanto a Fernando como aos seus irmáns ensináronlles o alemán con debuxos, e aprenderon con facilidade e rapidez, e tamén inglés, que é obrigatorio na ensinanza alemá, máis un segundo idioma que adoita ser francés ou ruso.
A integración na escola, e no barrio en xeral, foi moi boa, os españois eran benvidos en Alemaña. Respecto ao ocio, Fernando recorda pasar moito tempo libre na casa, de aí vén a súa afección pola lectura. En 1969, o Consulado de España organiza clases en español con profesores españois e o temario dos colexios ordinarios en España para os nenos españois residentes en Alemaña. É dicir, Fernando e os seus irmáns acudían pola mañá ao colexio alemán e polas tardes ao colexio español no Consulado. Ademais, tiñan clases de inglés no consulado cunha profesora irlandesa, que sentía moita afinidade con Fernando e os seus irmáns por seren galegos e católicos. En canto á relixión, Alemaña é un país maioritariamente protestante, e Hannover, onde eles vivían, é protestante, pero había igrexas católicas e a familia acudía á misa en alemán.
En 1974, os pais de Fernando deciden regresar a España por dous motivos principalmente: déronse conta de que os seus fillos estaban perdendo vocabulario español, nas conversas algunhas veces non sabían ou non se lembraban de nomes moi comúns como ‘mesa’, ‘prato’ ou ‘culler’; e o segundo motivo foi que se decataron de que se non regresaban enseguida, os seus fillos quedarían en Alemaña para sempre.