Con 16 anos, Rosa, cos seus estudos primarios, vivía nun pobo sen oportunidades laborais. A súa irmá maior vivía en Londres e grazas a iso Rosa tivo axuda para emigrar. En 1970 era obrigatorio ir con contrato de traballo, podías ir de turista pero só uns días e con cartos, non se podías ir á aventura “a ver que pasa”. Cando con 16 anos comezou a viaxe, o seu destino era traballar como "Au Pair" nunha familia, pero resulta que para facer ese traballo tiña que ter 17 anos. Rosa tivo a sorte de que a súa irmá foi a recollela ao aeroporto e falou co departamento de inmigración e pediulles que a deixasen gozar do Nadal con eles para que non a deportaran. Emigración accedeu e gañou así un tempo para buscar solucións para non ter que volver a España.

Unha forma de asegurarse de que non fose expulsada do país era matricularse nunha escola para aprender o idioma, e así o fixo. A súa irmá traballaba nun hotel onde facían banquetes e levouna a ela ao hotel para traballar de camareira, aínda que durou pouco tempo porque non podía soportar o peso dos pratos. En canto puido trasladouse a unha fábrica de costura onde Rosa non cosía, pero poñía as etiquetas nas prendas, as tallas, cortaba os fíos que estaban soltos…

Con 18 anos fixo o seu primeiro contrato de traballo cunha axencia e traballou nun hotel. Neste tempo coñeceu ao seu marido que era coruñés, casaron cando Rosa tiña 19 anos e ao ano seguinte naceu a súa primeira filla, Sonia. Saíu do hotel e volveu á fábrica de costura porque lle permitían traballar dende a casa, ensináronlle a coser, prestábanlle unha máquina de coser e podía facer as prendas na casa mentres coidaba á nena.

Cando Sonia cumpriu 3 anos, levouna a unha gardería española. Tamén traballou por un tempo nunha foitaría, pero no ano 1981 as monxas da gardería ofrecéronlle un posto vacante para coidar dos nenos, Rosa díxolles ás monxas que non tiña preparación pero que as monxas non lles importou e dixeronlle que xa aprendería mentres traballaba e así o fixo, participando en cursos de formación. Estivo 22 anos traballando en garderías do goberno español para fillos de españois, estaban subvencionadas e pagaban cotas moi baixas.

Despois dos seus anos en garderías, en 2003 pasou a traballar ao Ministerio de Traballo de Londres onde permaneceu ata a idade de xubilación en 2021. A vida social fíxoa maioritariamente entre os españois. A acollida por parte dos ingleses no país foi moi boa pero realmente Rosa sempre se relacionaba con españois ou gregos, que na súa opinión eran máis parecidos culturalmente aos españois. As familias inglesas coas que tivo máis contacto foron os pais dos compañeiros das súas fillas. Rosa sempre estivo encantada en Londres e se unha das súas fillas non vivise en Monforte, cre que nunca volvería a Galicia.

Libro da emigración en Inglaterra
O día da súa voda
Gardería na que traballaba