Carmen naceu na parroquia de Sta. María de Trasmonte (Ames) en plena postguerra (1940). É a segunda máis pequeña de oito irmáns. Seu pai era labrego e acudía a igrexa a cotío, como músico responsable do acompañamento na misa e funerais, o que axudaba a ter algún ingreso económico a maiores. Súa nai encargábase con el dos traballos na terra e o coidado do fogar e doss fillos.

De moi xoven ía coas súas irmás a igrexa, e así espertou a súa vocación relixiosa e xurde a oportunidade de trasladarse, primeiro a Pamplona e despois a Ciempozuelos, para despois dar o salto a Arxentina. Inicialmente estivo en Rosario durante 10 anos nun colexio de nenas en réxime de internado. Aproximandamente 90 mozas de 14 a 18 anos que estudaban pola mañá e pola tarde realizaban obradoiros aprendendo a facer fundas de colchóns que despois se vendían a tendas importantes arxentinas. Conta Carmen con moita satisfacción que aquelas mozas aproveitaron as oportunidades e chegaron a ser grandes profesionais traballando, moitas delas, en tendas de moda da capital. Hoxe aquel colexio pasou a ser un Instituto mixto onde se imparten clases de Formación Profesional e Bacharelato.

Despois trasladouse á Pampa, a Sta. Rosa, onde se faría cargo noutro colexio de nenas máis pequenas procedentes de familias con recursos limitados. No 1975 marchou a Bos Aires onde a orde tiña outro colexio e convivían alumnas de todos os estamentos sociais, moitas delas fillas de emigrantes. Lembra como se xuntaban as familias na fin de semana no colexio para intercambiar desde receitas de cociña, xogos, vivencias… “Alí aprendín a facer a pizza cos mestres italianos…” “Era magnífico, as mozas adquirían unha formación excelente e saían moi ben preparadas para o mundo laboral”

Tempo despois trasladouse a barrios máis humildes como as Villas de San Petesburgo ou Ramos Mejía onde o traballo era diferente, adicaba moito tempo ao apoio escolar, á catequesis e á formación dos xoves para apartalos do mundo da drogadicción. Polas tardes, despois das clases da mañá, dedicaba o seu tempo á formación de país e nais para axudar a educación dos seu fillos e fillas.

Relata Carmen que, desde que marchara con 20 anos de Trasmonte, voltara a casa oito anos despois por primeira vez, despois cada catro máis ou menos, (“turnabamonos xuntando os aforros para poder pagar a vaixe”).

No 1990 regresa a España e segue o seu labor en distintos lugares: dez anos en Murcia, dez en Valencia, sete en Almería e dende hai casi 6 anos está en Compostela nas Oblatas. Aos seus 83 anos segue a traballar co mesmo entusiasmo, axudando a quen o necesita, dedicando o seu tempo á congregación facendo labores de secretaría, de portería, acompañando nas súas necesidades as compañeiras de máis idade ou con problemas de saúde, axundando no albergue de Xoán XXIII, na Asociación Vagalume, en Cáritas…

Ela é socia no Espazo +60 de Compostela e nunca falta ás clases de Taichi dos venres e aos cursos de Cultura dixital que dí que lle axudaron moito no seu traballo administrativo. “O tren agora vai moi rápido e non podes deixalo pasar, hai que subir como sexa!!!”.

 

Foto 1
Foto 2
Foto 3
Foto 4
Foto 5
Foto 6