Paco Lages é natural de Aldán e emigrou por motivos económicos a Alemaña con tan só 20 anos e tras rematar o servizo militar. Estaba xa casado e tiña un fillo que acababa de nacer.
Nun primeiro momento marchou só, non levou a súa familia. Viaxou xunto cun grupo de traballadores da zona de Pontevedra e Vigo, organizado a través do Instituto de Emigración.
Foron con contrato e vivenda. Unha vez en Alemaña, traballou na construción na rexión do Sarre -en Saarbrüken-, no suroeste, situada a só 10 km da fronteira con Francia. Debido á súa condicición xeográfica, foi un territorio historicamente disputado entre Alemaña e Francia desde o século XVIII ata finais da 2ª Guerra Mundial, e despois de 1957 quedou integrado na República Federal Alemá. Paco relata que nos 70, cando saían ao bosque, vían as trincheiras da 2ª Guerra Mundial e os alemáns contaban moitas cousas da guerra.
Para todos eles as maiores complicacións foron co idioma, xa que nesta zona se falaba unicamente alemán, un idioma complicado. Tiñan dificultade mesmo para ir á compra, xa que inicialmente se entendían axudándose de acenos e sinais.
Despois do primeiro ano veu a Galicia de vacacións e a súa muller non quixo que volvese só e emigrou con el. O seu fillo, que tiña apenas dous anos, quedou cos avós pero, ao pouco de chegar a Alemaña, a súa muller botábao moito de menos e volveu só a buscalo. A vida en Alemaña era dura, pola vivenda, o idioma, o traballo, pero a pesar de todo relata que eles tiveron sorte porque coñeceron un matrimonio alemán que lles conseguiu outra vivenda e moito mobiliario para a súa nova casa. Os bancos alemáns non daban créditos aos inmigrantes, pero grazas ao seu amigo alemán conseguiuno.
A súa muller tamén traballaba e, ao seren católicos, a igrexa acollía os nenos en garderías para que os matrimonios de mozos con nenos puidesen traballar os dous. O neno quedaba na gardería desde as 7.30 ata as 16.00 horas e Paco conta unha anécdota graciosa, porque como o seu fillo falaba en galego, os demais nenos alemáns cos que estaba na gardería tamén aprenderon o galego, case mellor que o seu fillo o alemán. Cando regresaron, en 1976, o neno tiña apenas 6 anos e non conservou a aprendizaxe do alemán.
Retornaron porque a situación en Alemaña era convulsa. A grave crise do petróleo de 1973 derivou nun aumento considerable dos prezos, do nivel de vida e nunha situación inflacionista que fixo insostible poder continuar en Alemaña. Por iso, decidiron volver a España.
Paco conta que a emigración agora é distinta, porque a oferta de traballo para outros países da Unión Europea é de técnicos capacitados, mentres que antes o que se demandaba era man de obra barata.
Á fin e ao cabo numerosos traballadores españois e doutros países europeos contribuíron enormemente e reconstruír Alemaña Occidental que quedara devastada tras a 2ª Guerra Mundial, xa que necesitaban moita man de obra para poder executar os plans de axuda.
Unha vez que retornou a España, estudou para capitán de Mariña Mercante e Pesca e a súa vida deu un xiro de 180 graos. Como capitán percorreu moitos países, destacando Namibia e Arxentina.
Estando xa asentados en Galicia, tiveron a súa segunda filla, á que lle puxeron Helga, un nome típico alemán, aínda que recoñece que, desde que regresou, non volveu á zona alemá do Saar na que traballou seis anos da súa vida.
A súa esposa faleceu con só 46 anos, polo que quedou viúvo moi novo.
Cando a súa filla estaba estudando ADE, elixiu o curso de Erasmus en Alemaña, na Universidade de Flensburgo, onde foi visitala. É unha gran cidade na fronteira con Dinamarca, no norte de Alemaña, diferente á zona económica e industrial do Saar, que actualmente forma parte da Eurorrexión SaarLorLux que inclúe Saar, a provincia de Lorena (Francia) e o Ducado de Luxemburgo, aínda que tamén poden sumarse dúas comunidades de Bélxica (francófona e xermanófona) e Renania-Palatinado.
Unha vez xubilado, comezou a estudar na Universidade Sénior. Tamén aprendeu a tocar o piano hai un par de anos e encántalle. Participa no coro sénior da Universidade de Vigo e é montañeiro de alta montaña en Pena Trevinca. Escalou varios catro miles e tres miles e estivo en Dolomitas e outras zonas entre Alemaña, Italia e Austria. Tamén esquía e vai todos os anos á montaña coa súa filla Helga e o seu neto de 10 anos.
Colaboradores
Francisco Lages Martínez
- País de destino: Germany
- Ano emigración: 1971
- Ano de retorno: 1976