O MEU AVÓ


Agora vai ser o protagonista o meu avó. Ten 84 anos e é natural do concello de Pereiro. Chámase Valentín e eu penso que é unha persoa moi valente, como o seu nome indica.
Estudou na escola do Sueiro, facía debuxo lineal. Artellaba uns debuxos tan precisos con tiraliñas coma o mellor delineante de agora. Valentín é moi perfeccionista.
Perdeu a súa nai de mozo, e como había que axudar na casa, aprendeu de ferreiro. Tiña a súa fragua na casa dos seus pais. Tamén baixaba a Ourense na bicicleta para traballar co ferro. O meu avó deulle forma aos ferros do peche que ten o colexio de Maristas, mais só lle pagaban unha peseta ao día: por iso decidiu ir probar sorte fóra, coma outros da contorna.
Tiña un veciño que marchara para Alemaña había uns meses e escribiulle para ir xunto del. O meu avó marchou en tren no ano 61 cara a Alemaña. Pasou as fronteiras como turista e para iso había que ensinar cartos en efectivo. Era un emigrante rico porque levaba con el moitos cartos que lle deixara o seu pai.
O seu veciño veu esperalo a Francia, e dende alí o traxecto levouse mellor. A maleta ía chea de comida da casa, de chourizos e xamón, por se acaso; e foi o que comeu ata que non atopou algo onde traballar. Tardou tres días en chegar ao sur de Alemaña, e foron vivir a unhas barracas onde ían solicitar xente para traballar.
O meu avó viu que non había traballo de ferreiro, así que de súpeto tivo que cambiar de oficio e comezou a traballar de soldador. Tivo que poñerlle ganas e aprender dos compañeiros. Deuse conta que tiña que aprender os diferentes tipos de soldadura, porque era o que demandaban e ademais era un traballo ben pagado. Faláronlle que no norte de Alemaña había moito traballo e veuse cara a Hamburgo.
Viña unha vez ao ano ver a familia e nunha destas coñeceu a miña avoa, coa que casaría no ano 66. Ela foise para Alemaña con el, porque mercaran un bo piso en Ourense e había que acabar de pagalo. A miña avoa viñera antes de nacer a súa primeira filla, porque querían que a nena nacese en España. El quedou alí.
O gusto polo debuxo lineal fixo que fose máis doado facer pezas, unilas… Mais como quería ser recoñecido como un bo soldador, tivo que ir a unha escola para quitar un título. Iso abriulle máis portas. Había moito traballo e o meu avó cambiaba facilmente de empresa segundo lle conviñese mais.
Mentres tanto tiveran outro bebé, nacía a segunda filla. Acordaron deixar a máis vella aquí ao coidado da avoa e dunha tía e levar a pequena con eles. Mais a miña avoa non aguantaba sen ver a súa filla e decidiu vir para Ourense cando comezaba ao colexio. Dende aquela o meu avó quedaría só en Alemaña.
A única comunicación era o telegrama para dicir que chegara ben da viaxe, e despois cartas que escribía todas as semanas. Logo cando xa houbo teléfono aquí, chamaba frecuentemente.

A súa vida foi traballar e traballar para que aquí a súa familia tivese de todo. A miña nai conta que as súas maletas sempre viñan ateigadas de osiños de Hariboo, chocolates riquísimos e agasallos e agasallos para toda a familia. Conta que todas as fins de semana que cobraba ía a un gran hipermercado comprar, e así pouco a pouco tiña a maleta chea. Aínda que non estaba aquí el tiña toda a ilusión por cando ía vir. Di que era unha forma de estar máis preto, mercando cousas para todos.
A vida só sen a familia non foi doada, houbo momentos tristes como cando morreu o seu pai e tivo que vir dende Hendaia en taxi porque non había outra comunicación.
Despois, adoitaba facer dúas viaxes ao ano, e botar un mes de cada vez. Unha vez ata viñera cunha bicicleta no tren para as súas fillas! O meu avó seguiu viaxando no tren case toda a vida. Facía xornadas de ata 18 horas, por iso ás veces ía tan canso que quedaba durmido e aproveitaba o billete ata a última estación.
En Alemaña coñeceu moita xente de boa posición económica e social, a quen lle coidaba o xardín, e que lle axudaron cando tivo que operarse e lle deron o mellor consello do mundo: que se viñera para xunto da familia. Veuse para España cando cumpriu os 61 anos. Foi unha vida chea de viaxes e de ilusión por vir para a súa terra.
A miña nai e eu estamos moi agradecidas ao meu avó. As cousas non serían iguais se el non traballase tanto para nós.
O feito de viaxar sen nunca saír de Ourense, de non coñecer outro idioma, sen saber se ían atopar traballo… FORON UNS VALENTES!