A miña avoa naceu en 1948 nunha aldea preto de Touro, na zona de Santiago. É dunha familia de catro irmáns. Nunca tivo estudos porque ela, xunto co seu irmán maior, tivo que traballar para que os seus dous irmáns pequenos puideran estudar.
Aos 16 anos entroulle o formiguiño de emigrar. Tiña esa ilusión porque coñecía xente que o fixera e lle fora ben. Non tivo nunca a necesidade precisamente, pero tiña gañas de cambiar de aires, de coñecer novas culturas e de ser independente, ademais de que os soldos en Inglaterra eran o dobre do que ela podía gañar en Galicia naquela época.
Así, aos 17 anos comezou a traballar no Hotel Riazor da Coruña, para conseguir suficiente diñeiro como para poder emigrar a Inglaterra e, ao cabo dun ano, foi para o centro de Londres. Colleu o tren ata Hendaya, Francia, e de aí ata Inglaterra. A viaxe foi cara, pero en avión era aún peor. Logo, en Londres, movíase en autobús e metro, o que lle encantaba. O metro foi un gran descubrimento.
Tivo a sorte de ter unha amiga alí que lle conseguira un contrato de traballo, de modo que cando chegou xa tiña a vida arranxada. Comezou a traballar en Kensington Hotel. Tivo moita sorte e encaixou moi ben. Ademais, aínda que non sabía falar nada de inglés cando chegou, dende o principio xuntouse coas chicas inglesas de alí, o que obrigoulle a aprender máis rapidamente o idioma e ser capaz de defenderse ela sola.
Tamén colleu a costume de ler o periódico en inglés todas as noites. Como sabía falar os dous idiomas, moitas veces a encargada do hotel pedíalle se podía axudar a outra xente recen chegada de España a arranxar os papeis ou, por exemplo aos matrimonios embarazados, a atopar unha casa na que se admitisen nenos, xa que como tiñan que convivir con outra xente e os cativos choran e molestan, non era doado atopar un lugar no que facelo.
Despois de estar en Inglaterra, tiña a ilusión de ir a Australia, coa vantaxe de xa coñecer o idioma, pero coñeceu ao seu marido en Londres e ao final quedou alí. O seu marido, meu avó, tamén era galego, dunha aldea pequena preto de Laxe, e tamén emigrara a Inglaterra aos 18 anos. Tampouco tivera moita oportunidade de estudar e convertérase en aprendiz de perruqueiro. En Inglaterra atopou traballo na Perrucaría Lord’s, preto de Walthman Cross, ao norte de Londres.
Así que, despois de catro anos traballando no hotel, a miña avoa coñeceu ao meu avó e casaron. Ela deixou de traballar no hotel cando quedou embarazada e, como o meu avó traballaba no norte de Londres en vez de no centro, decidiron mudarse alí e comprar unha casa.
A casa estaba nunha rúa e cortada e sen saída, onde se coñecían todos e levábanse moi ben entre eles. Ademáis, había varios matrimonios xa maiores cuxos fillos emigraran e a miña avoa era como unha filla para eles polo que sempre estaban en contacto. Era moi aberta e gustáballe falar coa xente, facía amigos sobre todo coa xente maior e cos nenos.
Despois dun tempo, o avó conseguiu comprar a súa propia perrucaría e máis tarde, cando a miña avoa tivo as súas dúas fillas, non quixo que fose a traballar porque vira, grazas ao seu traballo, que moitos nenos, cando saían do colexio e chegaban a casa, atopábana completamente baleira e estaban sos porque os dous pais traballaban, e el quería que quedase alguén para coidar das súas fillas, así que amiña avoa conseguiu un traballo nunha fábrica na que lle traían os cables a casa para que ela os soldase.
Uns anos máis tarde, o seu irmán menor e a súa muller chegaron a Londres e quedaron a vivir con eles. Mentres meu avó ía traballar na perrucaría e o irmán da miña avoa e a súa muller ían traballar nos grandes invernadoiros que tiñan, ela quedaba na casa coidando das nenas de ambos matrimonios, ata que dous anos máis tarde, seu irmán e a súa familia voltaron para Galicia e establecéronse na Coruña.
Vivir noutro país supuxo unha gran riqueza cultural para a miña avoa e viceversa, xa que ela tamén aportou moito da súa cultura española aos seus veciños. Por exemplo, vivían en casas adosadas con xardíns onde ela plantaba allos, cebolas e pementos, etc., como facía en Galicia, o que lles chamaba a atención aos seus veciños.
Non obstante, cando ela voltou para Galicia, os seus veciños ingleses tamén plantaban allos e pementos e ela coñecía outras hortalizas que non eran típicas de aquí, coma os cabaciños, as xudías, os pepinos ou o brécol. Alí tiña un xardín tipo inglés, cunha parta para céspede e unha rocalla, e a outra parte dedicada ao cultivo de hortalizas.
O contacto coa familia en Galicia era máis difícil que hoxe que temos Internet, pero volvían de vacacións todos os anos un mes en verán á casa dos pais, a botarlles unha man cos traballos do campo e a manter o contacto e así as súas fillas coñecían a súa familia e a Galicia. Ademáis, na casa faláballes castelán e ían a clases de español as fines de semana.
Cando a súa filla maior, a miña nai, cumpriu catorce, decidiron volver a Galicia definitivamente. O que lles moveu a facelo foi que tiñan varios amigos galegos que emigraran coma eles e tardaran moito en volver, polo que os seus fillos sentíanse ingleses e xa non querían voltar para España, así que ou ían sen eles ou quedaban. Así, decidiron vender a casa pero agardaron dous anos antes de vender a perrucaría, por se acaso non se atopaban ben en España.
A volta non foi todo o agradable que se podía agardar. Á miña avoa costoulle acostumarse a Galicia de novo, despois de vinte anos en Inglaterra. A mentalidade da xente naquel momento era pouco aberta e o que máis lle molestaba eran todos os chismes do pobo. Volveu en 1984, cando España aínda non estaba na Unión Europea e, aínda que fora a vivir á Coruña, capital de provincia, notábase moito a diferencia de vivir nun lugar tan cosmopolita como Londres. Pero tivo a sorte de presenciar o enorme cambio que se produciu ao entrar España na Unión Europea e como progresou dende entón.