A historia de María comeza cando ela emigra a Barcelona con 24 anos buscando un porvir. Alí estivo 10 anos traballando na confección e vivindo cuns familiares, pero para falar da súa emigración temos que falar tamén da do seu marido, Alfonso.
El viña dunha familia de labregos, eran catro irmáns e decidiu xunto cun curmán seu marchar para San Sebastián en busca dunha mellor calidade de vida. Alí estivo tres anos ata que marchou para Holanda, onde traballou por quendas no metro; ademais, ía a unha asociación de axuda ao emigrante para aprender un pouco o idioma e poder defenderse, onde lle daba clase unha feminista.
Nunhas vacacións en Meira, de onde é María, uns familiares preséntaronos comezando así unha relación que acabou en casamento. El quixo que, antes de casar, María pasase uns día en Holanda para ver se lle gustaba e se se ía sentir soa, xa que moitas mulleres marchaban e despois non se daban acostumado a aquela vida. Ela foi en Nadal e en abril casaron.
Cando casaron xa tiñan unha casa con baño propio, porque anteriormente onde vivía o marido tiña que compartir o baño co resto dos veciños do relanzo e as duchas eran públicas e funcionaban con moedas.
Ao chegar tivo que buscar traballo para poder quedar e antes pasar unha revisión médica por se tiñan calquera enfermidade (primeiro ir ao consulado e cos papeis que lle entregaban ir ao concello de Rotterdam e á policía).
María, cando chegou a Rotterdam, quedou impresionada do verde e limpa que era a cidade, da cantidade enorme que había de bicis e carrís-bici e chamoulle moito a atención como os pais levaban os nenos ás garderías en bici e os chuvasqueiros que usaban para taparse e cubrir toda a bicicleta.
Custoulle moito acostumarse ao tranvía, xa que se confundía e non sabía cal coller, polo que as fins de semana se dedicaban a dar paseos en tranvía e coñecer a cidade e arredores.
María comezou a traballar facendo a limpeza nunha clínica dental, pero non lle gustaba nada; entón, buscáronlle unhas oficinas e unha escola, pero non daba feito todo o traballo xa que ela na casa se dedicaba a facer roupa por encarga, quedando ao final só con traballo de limpeza das oficinas de 3 horas. O que gañaba dáballe para a casa e os gastos de luz, auga e calefacción.
Para os holandeses, que eran xente moi amable e disciplinada, as vacacións eran sagradas gozando de seis meses. María e o seu marido tampouco as perdoaban e
todos os anos ían a Meira 4 semanas e 2 a Barcelona, onde compraron un piso xa que Alfonso tiña alí unha irmá.
María non dubidaría en volver a Rotterdam onde pasou unha vida moi feliz.