Mª José emigrou coa súa familia aos 8 anos a Francia, a Alta Saboya (Haute Savoie), concretamente a unha pequena cidade de aproximadamente 200 habitantes chamada Magland, nos Alpes.
O motivo que a levou a emigrar coa súa familia foi por motivos políticos, o seu pai era comunista e corría o risco de acabar no cárcere ou mesmo de ser asasinado por non compartir as ideas do réxime. O seu pai era coñecido co alcume de Pepiño Pascual.
Ao principio só o seu pai marchou e atopou traballo nunha empresa de parafusos, e despois seguiuno o resto da familia. A viaxe fíxose en tren e durou 3 días. Ela e os seus irmáns non tiveron ningún problema para adaptarse á nova forma de vida, xa que eles eran pequenos, pero non os seus pais, que nunca aprenderon ben a lingua. A xente foi moi acolledora con eles, ata tal punto que chegaron en novembro e en Nadal os veciños xa lles traían agasallos.
Co paso do tempo trasladáronse a unha cidade máis grande, Cluses, onde había un centro cultural español, onde Mª José comezou a traballar como voluntaria os sábados axudando aos que tiñan dificultades coa lingua: facer citas médicas, cubrir formularios... e tamén se ocupaba da biblioteca. É neste centro cultural onde coñeceu ao home que sería o seu futuro marido, que é de Asturias.
Con 15 anos falou co alcalde de Cluses para solicitar un piso de protección oficial, xa que eran 5 irmáns, e foilles concedido. Alí pasaron a súa vida ata a xubilación dos seus pais.
A súa vida laboral desenvolveuse como administrativa na empresa Siemens, xa que estudou secretaría. Mª José subliña que alí todos os fillos dun emigrante estudaban con bolsas e as familias percibían unha renda familiar para o coidado dos fillos. A súa nai non comezou a traballar ata que todos os seus irmáns se valeron por si mesmos.
Volveu aos 30 anos porque quería que os seus fillos creceran en España. A súa experiencia emigratoria foi moi positiva e volvería sen pensalo.
Colaboradores
María José Varela Quintela
- País de destino: France
- Ano emigración: 1968
- Ano de retorno: 1989