Rosa é de Ponferrada, alí casou con Constante e deu a luz o seu primeiro fillo no 1963. Cando o cativo tiña uns poucos meses o marido debeu emigrar a Bélxica mentres ela quedaba a coidar do bebé, coa intención de acompañalo o antes posible. Así, en novembro dese mesmo ano, Rosa emprendeu unha viaxe moi dura, unha verdadeira odisea con transbordo en Irún antes de cruzar a fronteira cara a Francia. O pequeno, que aínda non tiña un ano de vida, nin sequera andaba.
O día que chegou a Charleroi o seu home presentoulle os amigos e ensinoulle a casa que ela se encargaría de coidar naqueles primeiros momentos, facía a compra, o xantar e coidaba do neno. Como a vivenda estaba nos arrabaldes da cidade tiña que facer longos percorridos para ir mercar nos almacéns da cidade, polo que adoitaba aproveitar os momentos en que o home estaba na casa para ocuparse do neno e así ir máis rápida, tanto andando como en tranvía.
De nova traballara nunha tenda de tecidos en León e estaba moi acostumada a manexarse nas compras en grandes almacéns. Tiña moi boas habilidades sociais e sabía algo de francés de cando preparara o seu ingreso no bacharelato, todo isto facilitoulle a integración no ambiente da cidade. Sempre foi unha muller moi resolta, con costume de tratar cos comerciantes, algo que lle viña da casa xa que os seus pais foran uns adiantados ao seu tempo. O pai estivera preto de doce anos nos Estados Unidos e falaba inglés. A súa nai estivera na Arxentina, de forma que o modo de vida no estranxeiro non lle resultaba de todo estraño.
Só estiveron un ano en Bélxica. Rosa tiña un irmán e unha irmá vivindo en Alemaña que lles indicaron que as condicións eran mellores ca en Bélxica, polo que decidiron probar sorte na cidade de Hagen. Nesta ocasión ela empezou tamén a traballar para completar o salario mensual, falou cunhas monxas que lle conseguiron un traballo nun hospital. A conciliación familiar era complicada, ademais do seu cativo tamén debía facerse cargo do seu sobriño e, ademais, axiña naceu o seu segundo fillo, en setembro do 65. Rosa tiña que traballar na quenda de mañá xa que Constante facíao no da tarde. Collía o tranvía todos os días ás sete e media para entrar a traballar no centro hospitalario ás oito en punto. A súa xornada de traballo era de oito horas, pero co seu bo facer axiña gañou a confianza da encargada, quen comprendía a necesidade de que Rosa atendese a familia, polo que a deixaba saír antes de cumprir ese horario.
Rosa era axudante de enfermeiras, un traballo que lle entusiasmaba e que lle serviu para acabar entendendo sen problemas o alemán. Levábase moi ben co resto das compañeiras e con todo o equipo do centro. Na área pediátrica na que traballaba entraban nenos desde o sexto mes de xestación, que debían ir a incubadoras, ata os doce anos. Tratábase dun hospital universitario no que os alumnos dos últimos cursos de medicina facían prácticas, polo que era habitual que confiaran nelas nas consultas, xa que eran as encargadas de atender os enfermos e consideraban as súas opinións fiables. Ela sentíase moi ben valorada e escoitada. Sabe que, de quedar no país, o centro a apoiaría para obter algunha titulación, mais nese momento pesou máis a decisión familiar de retornar a Galicia.
Cando volveron a España fixo un curso de puericultura en Pontevedra, pero xa non volveu traballar. Tiñan cinco fillos e había faena abondo na casa, ademais o seu marido tiña un emprego razoablemente bo.
Conservan moitas fotografías dos case cinco anos que estiveron en Alemaña. Como case sempre era Constante quen as facía hai moitas fotos dela e os nenos, pero non tantas do seu home.
No ano 79 volveu a Bélxica e Alemaña porque o seu irmán enfermou de gravidade, como a súa vida corría risco, achegouse de novo a Hagen para visitalo. Tíñanse moito aprecio, polo que non podía arriscarse a perdelo sen pasar uns últimos momentos con el. Os fillos, que aínda eran pequenos, quedaron ao coidado do pai, en Vigo, mentres ela estivo acompañando o seu irmán. Aproveitou tamén para ver os veciños alemáns cos que fixeran unha boa amizade. As boas novas foron que o irmán se recuperou e viviu en Alemaña ata ano 2000 e aínda faleceu hai uns poucos anos.
Anos máis tarde viaxou a Bélxica e a Lyon (Francia) coa Asociación de arte y filigrana de Vigo, á que pertence desde hai tempo. Rosa sempre foi moi activa. Con 65 anos fixo cursos de encaixe tradicional, repuxado en coiro e serigrafía. Actualmente é voluntaria de Afundación, así como noutras entidades da Xunta de Galicia, onde axuda en todo o que pode e sabe.